A ruta do Loio de Paradela permanecerá pechada ata que se poidan acometer traballos de acondicionamento
A ruta do Loio de Paradela permanecerá pechada debido ás fortes chuvias e ventos que provocaron hai xa dous meses a caída de numerosas árbores que impiden o paso de turistas e visitantes.
A ruta, oficialmente baixo o nome de Ruta PR-G14 e que parte da capital do municipio, a carón das piscinas municipais e remata na parroquia de San Xoán de Loio; seguirá pechada ata que o espazo se poida poñer a punto a través de labores de limpeza a acondicionamento.
Desde a Alcaldía, Mulet sostén que é unha das rutas máis “transitadas da zona e con moita importancia histórica e natural”, polo que “é un recurso fundamental para o turismo do noso Concello”, explica.
Ademais, incide en que están esperando á aprobación do obradoiro de emprego conxunto para os concellos de Paradela, Láncara e Samos, que podería reacondicionar totalmente a ruta do Loio, xa que tamén o ano pasado, debido aos temporais, desde o Concello pediuse a restauración completa das tres pontes da ruta que sufriron máis danos: o de Sucastro, o de Portocaneiro e o de Pías.