A SD Sarriana abre o prazo de inscrición para a súa canteira e reforza o primeiro equipo

A tempada 2024/2025 está a piques de comezar e na SD Sarriana xa teñen en marcha a maquinaria para prepararse tanto no campo como na base.
O club vén de abrir o prazo de inscrición para a súa canteira, dirixido a nenos e nenas nados entre os anos 2007 e 2021. A inscrición poderá formalizarse en Ribela, en horario de 18:00 a 20:30 horas, de luns a venres, ata o vindeiro 5 de agosto.
A entidade anima ás familias a apuntar aos máis pequenos e pequenas para formar parte do proxecto deportivo, promovendo así o futuro do club a través da formación desde a base.
No plano deportivo do primeiro equipo, a Sarriana anunciou dúas incorporacións destacadas que supoñen un reforzo de calidade para o equipo que competirá na Segunda RFEF. Trátase de Iago Parga, central con experiencia na categoría, que regresa á casa para vestir a camiseta da Sarriana. Nieto de Carlos Alberto, figura histórica vinculada ao club, Parga chega como un dos puntais defensivos da nova tempada.
Tamén se incorpora ao equipo Iago Díaz, un nome propio do fútbol galego e nacional, que regresa a Galicia tras unha década de traxectoria por diversos clubs do Estado. Con máis de 120 partidos disputados en Segunda División e lembrado como un dos 'Heroes do Carranza' do CD Lugo, Díaz chega á Sarriana como un dos maiores talentos que deu o fútbol da provincia.