A SD Sarriana despide ao adestrador do ascenso a Segunda RFEF, José Antonio Rodríguez

A SD Sarriana despediu a etapa de José Antonio Rodríguez como adestrador do primeiro equipo, un ciclo breve pero inesquecible que culminou cun fito histórico: o ascenso a Segunda RFEF. O club quixo despedirse do técnico cun emotivo comunicado no que lle agradece a súa entrega, traballo e paixón desde a súa chegada en febreiro.
Durante o seu paso polo banco sarriao, Rodríguez converteuse nun referente para a entidade e a súa afección, guiando ao equipo nun tramo decisivo da tempada e conseguindo un logro que levaba anos escapándose. “Baixo o seu liderado vivimos un momento histórico”, sinala o club, lembrando que o ascenso foi “un soño feito realidade” para toda a vila.
A marcha de Rodríguez responde a unha nova oportunidade profesional no fútbol profesional, un salto que a entidade celebra con orgullo. “José Antonio escribiu con maiúsculas unha páxina inesquecible na historia da Sarriana”, recoñece a directiva, que lle desexa o mellor no seu futuro e lembra que “esta sempre será a súa casa”.
Iván Carril será o novo adestrador da SD Sarriana, tras seis tempadas á fronte do Noia, co que acadou dous ascensos á Terceira División, consolidándose como un dos preparadores máis solventes do fútbol galego nas últimas tempadas. A súa incorporación busca dar un novo impulso ao proxecto sarriao.