A SD Sarriana logra o ascenso á 2ª RFEF nunha festa histórica en A Ribela

A SD Sarriana cumpriu o soño do ascenso á Segunda RFEF nunha tarde inesquecible en A Ribela, onde derrotou ao Club Atlético Pulpileño por 3-2 na prórroga, no partido de volta da terceira eliminatoria.
O encontro, celebrado en pleno corazón das festas patronais de Sarria, viviuse cunha paixón desbordante por parte da afección, que ateigou as bancadas do estadio e converteu a xornada nun auténtico espectáculo colectivo.
Maxi Levrand, Keko Vilariño e Azael García foron os autores dos goles que fixeron posible unha remontada que quedará para sempre na memoria da vila. A Ribela vibrou coas accións dun equipo que se mantivo firme ata o final e que fixo valer o apoio da súa xente para culminar unha tempada histórica. Ao remate, a celebración estendeuse polas rúas de Sarria, cun pobo enteiro entregado á alegría dun éxito deportivo de gran transcendencia para a comarca.
O ascenso supón tamén un salto competitivo importante: na nova tempada enfrontaranse a conxuntos galegos como a UD Ourense, o Fabril, o Coruxo ou o Bergantiños, e a históricos do fútbol español coma o Numancia, o Langreo ou o Real Ávila.
O técnico José Antonio Rodríguez, que colleu o mando do equipo en febreiro tras a marcha de Guillermo Oriol logo dunha derrota ante o Vilalonga en A Ribela, mantivo sempre un discurso prudente, centrado no traballo do día a día. "O pensamento do equipo debe ser querer facer bos partidos e centrarnos no curto prazo", repetía Rodríguez, unha filosofía que acabou dando os seus froitos co título e o ascenso á Segunda RFEF.
Así, valorou irse poñendo pequenos obxectivos, porque así foron conseguido pequenas metas, como entrar no playoff e logo conseguilo. “Despois, quixemos superar esa primeira liña eliminatoria contra o Rácing Vilalbés e, a continuación, fomos a pola segunda, sabendo que eran equipos de moito nivel e que nol oían poñer moi difícil”. Así, seguiron ata que chegaron ao enfrontamento contra un equipo a nivel nacional: “Era ou 2RFEF ou telo intentado, pero sempre pasiño a pasiño, unha forma de actuar acertada, xa que despois da liga regular foron 6 semanas máis nas que podía acontecer calquera cousa, podíamos quedarnos fóra en cada etapa”, explica o adestrador.
Para Rodríguez, “fixemos partidos moi bos, dándolle importancia a cada momento dentro de cada partido, así como soubemos sufrir nos momentos nos que os rivais tiveron o seu momento, xa que ao ser partidos igualados é inevitable que nalgún momento esteas máis esixido ou superado e creo que demostramos unha fortaleza como equipo que nos permitiu chegar ás eliminatorias”, sostivo.
Finalmente, quixo poñer en valor ao conxunto de xogadores, destacando que “o maior patrimonio que ten a Sarriana é ese grupo de xogadores” e considera que “foi un luxo traballar con eles, polo que seguro que calquera adestrador que poida estar no meu lugar valorará que é unha pasada ver a rapaces tan novos con tanta fame”. Así, rematou expresando que se sentiu “xenial e encantado” de traballar na Sarriana, poñendo “sempre o mellor de min, o que creo que tamén eles valoran”.
VALORACIÓN DO PRESIDENTE DA SD SARRIANA
Manuel Sangil, presidente da SD Sarriana, mostrou a súa satisfacción tras consumarse o histórico ascenso do club a Segunda RFEF. “Foi unha promoción longa e emocionante. Agora estamos, como é lóxico, cansos, porque a tempada foi dura, moi longa, pero conseguiuse o obxectivo”, recoñeceu. Sangil destacou tamén o ambiente vivido na Ribela durante o encontro decisivo: “O que se viviu foi espectacular. A Ribela estaba a tope e o ambiente foi inmellorable. Acordábame de cando o campo era de herba natural e viñan o Deportivo ou o Celta na pretempada, que se enchía o campo, pero isto non ten comparación. Nunca vimos algo así de cheo e de incrible”.
Sangil, valorando a evolución do equipo ata o éxito, lembrou os momentos complicados marcados polo eido técnico: “A metade de tempada, Jaime Paz deixounos porque marchou con Quique Setién a China, e o equipo estaba feito á súa medida, polo que foi un revés importante”. A chegada de Guillermo Oriol non logrou estabilizar a situación: “Non acabou de acoplarse ben cos xogadores. Aínda que os resultados non foron malos, o ambiente non era bo”. Así, incorporouse José Antonio, que tamén tivo que facer fronte a un período de adaptación: “Ao principio custoulle adaptarse e cambiou o sistema de Jaime, pero o equipo enchufouse totalmente e conseguiron o obxectivo, que era clasificarse para o playoff”.
O presidente puxo en valor a constancia do equipo durante todo o ano: “Este foi un traballo de resiliencia no que estivemos durante toda a tempada en postos de promoción. O ano pasado a fase de ascenso foi unha sorpresa; este ano era o obxectivo. E conseguiuse, que era o importante”.
De cara ao futuro, Sangil mantén a prudencia, consciente do salto de nivel que supón a categoría: “Imos competir con equipos de capitais de provincia e con clubs que estiveron en Primeira División, como o Numancia ou o Salamanca. E imos xogar contra equipos como o Ávila, Segovia, Ourense... Para Sarria, isto é moitísimo. Agora, primeiro, temos que poñer os pés no chan e formar un equipo competitivo para poder manter a categoría”, concluíu o presidente.