A SD Sarriana organiza unha nova edición do DeporCampus Cabreiroá

SarriaXa
Este campus está dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos, e ten como obxectivo ofrecer unha experiencia única no mundo do fútbol
DeporCampus-SD-Sarriana
8 May 2025

Un ano máis, a SD Sarriana organiza o DeporCampus Cabreiroá, un evento deportivo que se celebrará do 23 ao 27 de xuño, ambos incluídos, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Este campus está dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos, e ten como obxectivo ofrecer unha experiencia única no mundo do fútbol, promovendo a diversión e o aprendizaxe nun entorno deportivo de calidade.

A inscrición inclúe unha serie de beneficios para todos os participantes. Ademais do seguro deportivo e da merenda de media mañá, cada neno recibirá unha equipación completa, diploma de participación, auga durante as actividades e acceso a adestradores do RC Deportivo. Tamén haberá sortegos e outros agasallos.

En edicións anteriores, o campus contou coa participación dun centenar de xogadores e xogadoras, que chegaron de distintos municipios da provincia de Lugo, así como de outras provincias de Galicia, Madrid, Canarias, Valencia, Barcelona e incluso de fóra de España.

Obxectivos e metodoloxía do campus

O DeporCampus Cabreiroá ten como principais obxectivos o desenvolvemento de diversas habilidades deportivas e o fomento dos valores fundamentais do fútbol. Durante esta semana, os participantes aprenderán e desenvolverán a coordinación a través de xiros coordinativos, mellorarán as súas habilidades na relación co corpo e co balón, e traballarán os fundamentos técnico-tácticos mediante unha metodoloxía analítica.

Ademais, fomentaranse a competición e o disfrute a través de partidos en diferentes espazos, creando un ambiente dinámico e de aprendizaxe constante. Neste proceso, transmitirase os valores que representa o RC Deportivo, tales como respecto, solidariedade, amizade, xogo limpo, integración, esforzo e felicidade.

Para lograr estes obxectivos, utilizaranse diversos contextos de ensino, como circuitos coordinativos, xogos de relación co balón, habilidade co balón, desafíos técnicos, xogos de posición e partidos reducidos. Os participantes tamén poderán desfrutar de competicións internas e ligas dentro do campus, asegurando unha experiencia completa.

Descontos para certos colectivos

Co obxectivo de facer máis accesible a participación neste evento, a SD Sarriana ofrece descontos para os seguintes colectivos: xogadores e xogadoras da SD Sarriana, socios ou accionistas do RC Deportivo, xogadores do RC Deportivo, invitacións, familias numerosas ou aquelas con máis dun membro en situación de desemprego, participantes da Escola RC Deportivo, familias que inscriban a máis dun fillo e antigos participantes nas edicións previas do DéporCampus Cabreiroá.

Este campus promete ser unha gran oportunidade para que os mozos se desenvolvan tanto deportiva como personalmente, desfrutando dunha experiencia que lles deixará gratos recordos.

⚙ Configurar cookies
0.14750599861145