A SD Sarriana pide apoio social e institucional para consolidarse en Segunda Federación

A SD Sarriana debuta xa na Segunda Federación cun cadro de xogadores que asume o obxectivo de consolidar a Sarriana nesta categoría.
Trala renovación de varios profesionais como Jacobo Vilariño, Arona Sané, Álex Millán, Javi Piay, Álex Boedo, o porteiro César Pirot, Santi Gegunde, Maxi Levrand, Tomás Susavila, Valentín Mosqueira, Martín López, Guitián e Miguel Raimúndez; tamén afrontaron as fichaxes de novos nomes que resoarán na vila de Sarria esta tempada.
Estes son de Antón Núñez, Iago Díaz, Iago Parga, Nacho Olivera, Edu González, Ivaldine da Silva, Iker Rodríguez, Fernando Embadje, Alberto Freire, Noah, William, David Vilán, Tomás Berardozzi, Maycon Douglas, Hugo Villaverde e Pablo Parada.
Ademais, desde o club destacan o corpo técnico que traballará da man do primeiro equipo para desenvolver unha boa tempada deportiva nesta nova categoría. Así, o adestrador é Iván Carril, xunto co segundo técnico, Borja Collar, e o adestrador auxiliar, que é Iván Noé. Pola súa parte, o adestrador de porteiros é Nacho Fernández, Adrián Baamonde é o preparador físico e Agus Insua será o fisioterapeuta.
Desde o club sinalan que esta tempada será de gran importancia tanto para a entidade como para a vila de Sarria, pois a participación en Segunda Federación converterá ao municipio nun escaparate a nivel estatal, do mesmo xeito que o é o Camiño de Santiago, pola chegada de numerosos visitantes. A directiva considera que o fútbol será unha das mellores cartas de presentación de Sarria por toda España e fai un chamamento á veciñanza para que apoie ao equipo.
O club asegura que contará con colaboración da Xunta, do Concello e da Deputación, pero insiste en que é necesario que as administracións incrementen as súas achegas. Argumentan que no municipio debe haber un reparto equitativo entre as diferentes asociacións, pero subliñan que a Sarriana merece un apoio diferencial pola repercusión social que ten no municipio. “Precisamos máis axuda para poder manter o equipo en Segunda e consolidarnos na categoría”, explican e destacan que Sarria é a localidade máis pequena de toda a categoría, polo que resulta imprescindible contar con ese reforzo. Por iso, reiteran a súa chamada á veciñanza e ás administracións para lograr que o proxecto poida consolidarse e seguir dando visibilidade á vila a través do fútbol.