A sede da Asociación Cultural Hu-Hú será o escenario da presentación de 'Carne para Cans'

SarriaXa
O acto contará coa intervención de Manuel López Poy, que dirixirá a presentación, así como do editor Manel Cráneo e do artista argentino afincado en Sarria, El Chico López
presentación-Carne-Cans-Sarria-Huhú
14 Feb 2025

A sede da Asociación Cultural Hu-Hú, situada na antiga Feculera de Sarria, acollerá o vindeiro sábado 15 de febreiro de 2025, ás 18.00 horas, a presentación da novela gráfica Carne para Cans.

A obra, que conta cos debuxos do argentino Kundo Krunch e o guion do sarriao Manolo Poy, narra a historia de Antonio Soto, líder da rebelión popular da Patagonia en 1921, un episodio crucial na historia de Arxentina. A novela foi publicada por Demo Editorial.

O acto contará coa intervención de Manuel López Poy, que dirixirá a presentación, así como do editor Manel Cráneo e do artista argentino afincado en Sarria, El Chico López, que aportarán a súa visión sobre o proxecto.

Carne para Cans relata a vida de Antonio Soto, un mozo ferrolano que emigrou a Arxentina coas súa familia. Neste país, Soto acabou liderando a folga xeral dos traballadores das fincas agrarias na rexión de Río Gallegos, na Patagonia. A folga foi duramente reprimida polo exército, resultando en máis de mil mortos e desaparecidos.

A pesar de ser unha figura emblemática do sindicalismo arxentino, Soto foi un descoñecido na súa terra natal ata que o escritor Xavier Alcalá rescatou a súa historia. Grazas á súa investigación, Soto logrou finalmente ser recoñecido, e o Concello de Ferrol dedicoulle unha rúa en seu honor.

A presentación de Carne para Cans ofrecerá unha ocasión única para adentrarse na figura de Antonio Soto e coñecer máis sobre esta destacada parte da historia arxentina, contada a través das viñetas deste impactante cómic.

0.1607129573822