A SEDE de Sarria recolle este sábado obras locais para a exposición colectiva da Trienal

A SEDE —Núcleo Difusor de Arte Contemporánea de Sarria— abrirá este sábado 8 de novembro para recibir obras de creadoras e creadores da comarca, nunha iniciativa dirixida tanto a profesionais como a persoas que elaboran pezas artísticas de xeito afeccionado. O obxectivo é conformar a mostra central do terceiro bloque expositivo da Trienal Sarria: bis/barra.
A recepción terá lugar nas instalacións da SEDE entre as 12:00 e as 14:00 horas, nunha xornada aberta que busca fomentar a participación cidadá e visibilizar o talento artístico existente no territorio sarriano.
Cada persoa poderá presentar unha única obra, independentemente da disciplina na que traballe. A organización acepta creacións en pintura, debuxo, cómic, escultura, collage, fotografía e outras propostas similares.
As pezas formarán parte dunha exposición colectiva que se poderá visitar entre o 22 de novembro e o 14 de febreiro de 2026, ao remate da cal se xestionará a devolución das obras participantes.