A segunda fase da autovía Nadela-Sarria obtén a declaración ambiental favorable e poderá iniciar as obras en 2026

O proceso administrativo para completar a autovía que unirá Lugo con Sarria deu un paso decisivo coa aprobación da declaración de impacto ambiental favorable. O documento abrangue un treito de 13,5 quilómetros comprendido entre Nadela e a saída cara A Pobra de San Xiao e O Páramo, e confirma que a actuación é viable desde o punto de vista ambiental, sempre que se cumpran os requisitos marcados na resolución.
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático especifica que a autorización está condicionada ao cumprimento dos criterios e do programa de seguimento ambiental incluídos tanto na propia DIA como no estudo de impacto presentado polo promotor. Os informes avaliados conclúen que a obra “non xerará efectos significativos nos ámbitos analizados” sempre que se garantan medidas correctoras en materias como calidade do aire, saúde da poboación, xestión da auga e dos residuos, protección do patrimonio cultural, fauna, flora, espazos naturais e valores ecolóxicos.
Esta segunda fase, cun orzamento estimado de 34,7 millóns de euros, permitirá completar o desdobramento do corredor e mellorar a conexión viaria entre a capital da provincia e Sarria. Entre as intervencións previstas destacan a construción de dous viadutos sobre os ríos Chamoso e Neira, a ampliación de trece pasos inferiores e a execución de cinco muros de contención.
Segundo anunciou a Xunta, a previsión é que os traballos se poñan en marcha en 2026, despois de que no pasado se inaugurase xa o treito entre A Pobra de San Xiao e Sarria Centro da AG-22.