A Semana Santa dispara a peregrinación polo Camiño Francés en Sarria cunha ocupación próxima ao 90 %

A Semana Santa volveu converter o Camiño Francés ao seu paso por Sarria e a súa comarca nun punto de gran afluencia de peregrinos, cunha ocupación nos albergues que rozou o 90 % durante os primeiros días da semana. A intensa actividade confirma o peso desta época como un dos momentos de maior dinamismo no fluxo de camiñantes cara a Santiago.
Segundo os datos manexados pola Asociación Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, encargada de realizar o seguimento da ocupación en albergues tanto na vila como nos concellos limítrofes, máis de 5.000 persoas iniciaron o Camiño desde Sarria durante estas datas, tendo en conta o número de credenciais expedidas. A esta cifra hai que engadir quen xa viña realizando a ruta desde etapas anteriores e aqueles peregrinos que contaban con credencial propia.
Raquel, integrante da asociación, subliña que “a afluencia foi constante e moi elevada desde o inicio da Semana Santa”, destacando ademais a diversidade de procedencias. Peregrinos chegados de Corea, Xapón, China, Francia, Italia, México, Alemaña ou Estados Unidos coincidiron nas rutas da comarca, consolidando o carácter internacional do Camiño.
A maiores, a entidade detecta un incremento de visitantes procedentes de países como Arxentina e Colombia, unha tendencia que se vén repetindo nos últimos anos. Tamén chama a atención a presenza de peregrinos españois nesta época, xa que adoitan concentrar as súas viaxes nos meses de verán. Entre eles, destacou especialmente a chegada de persoas procedentes de Andalucía, algo pouco habitual nesta época do ano, tendo en conta a relevancia da Semana Santa nesa comunidade.
Desde a asociación, que tamén se encarga da venda de credenciais, valoran moi positivamente estes datos, que reflicten a consolidación de Sarria como un dos principais puntos de partida do Camiño Francés e como motor turístico para toda a comarca.