A sexta edición da Carreira da Muller 'Vivas e iguais' terá lugar o 11 de marzo
O Concello de Sarria vén de abrir o prazo de inscrición para participar na sexta edición da Carreira da Muller 'Vivas e iguais', que se disputará o sábado 11 de marzo, a partir das 18.00 horas para as corredoras da modalidade de cinco km e, a partir das 18.10 horas, a andaina.
A proba absoluta correrase sobre un circuíto de asfalto e sendeiros de area de cinco quilómetros de lonxitude, mesturando zona urbana e natureza, e sen moito desnivel.
A saída situarase no bulevar da rúa da Liberdade, á altura de Catro Camiños en dirección a Samos, para despois xirar á dereita pola rúa Castelao e, no cuartel da Garda Civil, seguir cara a Ponte das Aceas, para logo volver pola zona do campo de fútbol ata a estrada de Monforte.
Desde alí, volverase de novo á rúa Castelao, seguirase cara ao pavillón, a piscina e cruzarase a zona do Hotel Alfonso IX ata atopar a meta no Malecón.
A inscrición é de balde e poderá realizarse ata o día 9 de marzo a través da páxina web CCNorte e Sarria Corre. As primeiras 500 inscritos recibirán como agasallo unha camiseta técnica coa imaxe do evento.
En canto ás categorías e premios previstos, na modalidade de 5K recibirán un trofeo as tres primeiras clasificadas feminino e masculino dos seguintes grupos: Júnior (12 a 15 anos), Promesa (16 a 19 anos), Sénior (20 a 34 anos), Máster 1 (35 a 44 anos), Máster 2 (45 a 54 anos), Máster 3 (55 a 64 anos) e Máster 4 (de 65 anos en adiante).