A Sociedade Cultural A Unión de Sarria amplía os seus fondos bibliotecarios

SarriaXa
La Sociedad Cultural La Unión de Sarria amplía sus fondos bibliotecarios gracias a una donación de la Diputación de Lugo.
sociedade union sarria
17 Apr 2022

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora na ampliación da biblioteca da Sociedade Cultural e Recreativa A Unión de Sarria coa entrega de máis de setenta publicacións en galego.

Trátase de obras editadas polo Servizo de Publicacións e outras iniciativas editoriais coas que se colaborou desde a área de Cultura, na súa maioría obras de temática histórica, etnográfica, patrimonial, literaria ou artística, entre elas varias ligadas a Sarria e a comarca como o poemario “Tigres coma cabalos” de Xela Arias ou a antoloxía coa súa obra poética “Poesía Reunida. 1982-2004”, “Escolas Agrícolas na segunda metade do s. XX”, que recolle a traxectoria da Granxa Escola de Barreiros ou o volume “Formas tradicionais da cerámica popular. Samos”.

As publicacións súmanse así ao catálogo de títulos da biblioteca que a Sociedade Cultural e Recreativa A Unión ten na súa sede, para uso das persoas socias e tamén da veciñanza sarriá interesada na súa lectura ou consulta.

O deputado Efrén Castro explicou que “desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo se está a impulsar esta fórmula de colaboración con entidades e colectivos culturais para mellorar a difusión das obras que se editan desde o Servizo de Publicacións e promover a lectura en galego” e sinalou que “o material cedido ampliará a biblioteca que á Unión ven conformando a partir das doazóns de persoas socias, nun dos lugares máis emblemáticos do edificio, a carón das galerías recentemente rehabilitadas”.

O responsábel provincial aproveitou a visita para destacar “a traxectoria da Unión como referente cultural e social de Sarria e, especialmente, o traballo desenvolvido nos últimos anos na apertura do colectivo e da propia sede á veciñánza, colaborando con iniciativas doutros colectivos como o Esmorga Fest, que ven de celebrarse, e acollendo tamén propostas culturais impulsadas desde as institucións”.

Precisamente, na Unión están a realizarse este ano as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, impulsado pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que contempla a exhibición das oito longametraxes - documentais e de ficción - que foron finalistas dos premios audioviuais. O vindeiro sábado, 23 de abril, ás 19:00 horas, proxectarase o documental “A virxe roxa”, de Marcos Nine.

0.15954208374023