A Sociedade La Unión acolle a proxección do documental 'Foreign Song'
A Sociedade La Unión acolle a proxección do documental 'Foreign Song' de César Souto. A cita, que forma parte do ciclo de cine dos Mestre Mateo, terá lugar o vindeiro 5 de novembro a partir das 19.00 horas.
A peza conta a vida aburrida do protagonista que traballou nunha compañía de seguros durante 40 anos. Ninguén diría que este home de vida ordinaria e aburrida é o autor dunha das obras poéticas máis singulares do século XX.
Cando se lle pediu unha reseña biográfica para presentar a súa obra, o poeta modernista estadounidense Wallace Stevens negouse a escribila. Cría profundamente que a poesía non é persoal e que a voz que estaba detrás dos seus poemas era en realidade a voz dun Outro.
Alguén, ao lonxe, observa as casas idénticas nos suburbios solitarios de Estados Unidos. Na cidade dos cartos, onte e hoxe, unha multitude camiña sen descanso. Voces sen rostro len fragmentos das cartas do poeta. Un paxaro de plumas douradas canta unha canción.
O ciclo é un programa de cinema dirixido a concellos, vilas e comunidades aos que habitualmente non chegan as producións que participan nos premios Mestre Mateo. Deste xeito, facilítase a públicos diversos unha programación cultural de calidade con produción galega e promóvese a nosa cultura e o noso idioma a través do máis destacado do audiovisual galego actual.