A Sociedade Recreativa La Unión acollerá a presentación de 'As vellas de Mens', de Manel de Aturuxo

A Sociedade Recreativa La Unión de Sarria será o escenario da presentación do libro As vellas de Mens, obra do autor José Manuel Fernández Pensado, tamén coñecido como Manel de Aturuxo. O evento terá lugar o vindeiro xoves 10 de xullo ás 20.00 horas na sede da entidade.
No acto, o autor estará acompañado por Manuel Rico Verea, recoñecido musicólogo e escritor, quen intervirá durante a presentación. A sesión estará conducida por José Quiñóa, presidente da Sociedade Recreativa La Unión.
As vellas de Mens, publicado pola Editorial Galaxia na súa colección Letras Galegas, conta cun prólogo de Xosé Manuel Varela Varela e un epílogo a cargo de Felipe Senén López Gómez. A obra supón unha nova achega de Fernández Pensado ao panorama literario galego.