A subdelegada do Goberno apela á colaboración entre entidades para potenciar o Camiño Francés
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, reuniuse coa representante da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño de Santiago, Socorro Pernas, para tratar os diferentes proxectos e propostas que está levando a cabo o colectivo para impulsar e mellorar o Camiño Francés na provincia de Lugo.
Durante o encontro na Subdelegación de Lugo, Isabel Rodríguez subliñou que as entidades locais son as que mellor coñecen as necesidades dos milleiros de peregrinos que realizan o Camiño, “polo que debemos escoitalas para seguir crecendo, impulsando a competitividade, a sustentabilidade e a dixitalización destes destinos como eixos de transformación do Camiño de Santiago, xerando experiencias únicas aos turistas de dentro e fora do país, e apostando por un modelo turístico de calidade e seguro”.
Así mesmo, a subdelegada agradeceu o esforzo e traballo da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño de Santiago para facer protagonista ao Camiño Francés, o máis antigo e popular, mellorando infraestruturas, dotando de servizos básicos aos usuarios, facendo accesible o patrimonio cultural, artístico e natural a través das novas tecnoloxías, aumentando a oferta turística e contribuíndo a revalorizar as zonas rurais.
Así, Rodríguez apelou á colaboración entre administracións para unir forzas e potenciar a ruta xacobea ao seu paso polos diferentes municipios lucenses, “un verdadeiro motor económico para o turismo e o emprego local”.