A subdelegada do Goberno destacou o gran traballo da Garda Civil na exhibición feita en Sarria
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, participou na exhibición das forzas de seguridade que tivo lugar en Sarria, un encontro solicitado pola concelleria de seguridade e emerxencias do Concello e na que a subdelegada destacou o gran traballo que está a realizar o corpo da Garda Civil por mostrar a súa forma de actuar e de traballar aos escolares.
Nela, a subdelegada puido observar, xunto aos máis de 600 escolares de educación primaria da localidade e proximidades, como o corpo desenvolvía as súas operacións e procedementos. A subdelegada destacou que a mostra do labor que realizan no día a día, axuda en gran medida a que o corpo adquira unha maior proxección ao exterior, así como tamén contribúe á tan necesaria prevención ao dar consellos sobre como actuar ante as distintas situacións que se presentan e mostran, desenvolvendo un papel clave na formación destes. Tamén se ofrece un apoio aos centros que solicitan este tipo de exhibicións e charlas para ensinarlles a responder aos máis novos ante situacións de adversidade.
Así mesmo, puxo en valor que o corpo está formado por persoas que actúan e proceden coa maior das profesionalidades, poñéndose en risco moitas veces nas operacións que realizan de forma diaria, véndose neles un sentido da xustiza innato e característico das unidades que forman parte do corpo. Agradeceu o seu traballo e expuxo o desexo de que estas citas con escolares se sigan a desenvolver por ser beneficiosas para eles e os centros, este últimos, contando con máis información sobre o corpo e o seu labor para garantir a seguridade de todo o conxunto da sociedade.