A subdelegada do Goberno en Lugo outorga o premio Stars a un centro de Sarria
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, felicitou ao profesorado e alumnado do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria polo seu premio no proxecto europeo Stars (Sustanaible Travel Accreditation and Recognition for Schools), coordinado pola Dirección Xeral de Tráfico e que involucra tanto aos concellos como aos centros educativos no fomento de pautas de mobilidade máis activas e sustentables.
Isabel Rodríguez agradeceu á comunidade educativa do centro o fomento e promoción de hábitos de mobilidade máis saudables e sostibles para o medio ambiente. “Sodes un centro pioneiro na provincia pola adhesión ao proxecto europeo Stars co que o Goberno se propón fomentar pautas de mobilidade máis activas entre os escolares”, destacou.
A subdelegada entregou o diploma que certifica a valoración de prata no proxecto, obtendo unha puntuación de 31 de 33 posibles, pola súa implicación, número de actividades realizadas e resultados obtidos no cambio dos desprazamentos. Fíxoo acompañada polo alcalde de Sarria, Claudio Garrido, o xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez, e a coordinadora provincial de Educación Vial, Laura García; así como polos concelleiros de Mobilidade, Félix Seijas, e de Educación, Eugenia Valcárcel, e o director do centro, José Manuel Valcarce.
Neste senso, a subdelegada subliñou que este proxecto educativo, ademais do seu valor pedagóxico, “promove estilos de vida saudables e aporta outros valores como o fomento da autonomía dos mozos e mozas, axudando a transformar cidades e vilas en lugares máis amables e humanos nos que o protagonismo é para as persoas e non para os vehículos”.
Proxecto Stars
O IES Xograr Afonso Gómez é o primeiro centro educativo da provincia que se adheriu, xunto co concello de Sarria, ao proxecto europeo Stars da Dirección Xeral de Tráfico. Con esta iniciativa, na que participaron máis activamente arredor de 160 estudantes de secundaria e bacharelato, fomentouse entre o alumnado o uso de medios alternativos ao coche para os desprazamentos ao centro escolar.
Concretamente, desenvolvéronse talleres de formación de profesorado e alumnado sobre urbanismo, ciclismo, técnicas de comunicación, entre outros; leváronse a cabo charlas, exposicións, carteis, vídeos e cancións, así como estratexias de mobilidade do centro educativo.
O proxecto Stars vai dirixido fundamentalmente a alumnos e alumnas de 6 a 18 anos, que se converten en protagonistas da iniciativa pois son os propios escolares quen deseñan campañas de fomento da mobilidade sostible, potenciando así a súa creatividade e capacidade de comunicación.