A subdelegada do Goberno en Lugo visitou o CEIP Ricardo Gasset do Incio

SarriaXa
A subdelegada do Goberno en Lugo visitou o CEIP Ricardo Gasset do Incio
Subdelegada no incio
25 Xan 2023

O alumnado no CEIP Ricardo Gasset do Incio recibiron a visita da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, que participou nunha charla sobre os riscos das novas tecnoloxías impartida pola Garda Civil ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria, un dos 100 centros que colaboran no Plan Director do Ministerio de Interior.

Alí, acompañada do alcalde, Héctor Corujo, e da responsable do CEIP, Alba Vázquez, explicou que o obxectivo das actuacións programadas é responder a cuestións sobre seguridade que expoñen os escolares, profesorado e familias, adaptando as formacións ás necesidades de cada centro, "atendendo a situacións reais que viven os mozos e mozas no seu día a día para protexelos e axudalos".

Tamén destacou o "éxito de participación do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e ás súas contornas" da provincia de Lugo, con case 11.000 asistentes en máis de 330 actividades durante o ano 2022.

"Estes datos demostran o impacto que está a ter na comunidade escolar estas actividades e a demanda que existe para concienciar e contribuír á formación en idades temperás sobre valores tan importantes como o respecto e a igualdade, erradicando calquera tipo de violencia nas aulas", apuntou Rodríguez.

A subdelegada do Goberno lembrou que, aínda que se recomenda programar as charlas no primeiro trimestre de curso, os centros poden solicitar participar no Plan Director en calquera momento do ano. Ata hoxe, e desde o comezo do curso, leváronse a cabo 107 actuacións dentro deste Plan e hai solicitadas outras 200 actividades.

Deste xeito, o ano pasado impartíronse un total de 324 conferencias en centros da provincia de Lugo, das que 95 estiveron relacionadas cos riscos das novas tecnoloxías e a ciberseguridade, o que representa un 29% do total; 77 abordaron o problema do acoso escolar e o ciberacoso; 68 sesións estiveron dirixidas ás adiccións de alcohol e drogas; 44 charlas foron sobre violencia de xénero; 13 actividades versaron sobre o racismo, xenofobia e delitos de odio; e outras 27, encamiñadas á seguridade viaria, prevención de incendios forestais e orientación laboral. Así mesmo, realizáronse 13 exhibicións de medios policiais.

0.17275500297546