A subdelegada preside a primeira reunión para programar a seguridade ante o eclipse do 12 de agosto

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Olimpia López destacou que o Goberno reforza así a coordinación entre todos os axentes implicados tras as reunións previas mantidas polo delegado do Goberno en Galicia cos subdelegados e coa Xunta
reunion-seguridade-eclipse
13 Mar 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu esta mañá na Subdelegación do Goberno a primeira reunión de coordinación da Administración Xeral do Estado (AGE) na provincia ante a eclipse total prevista para o próximo 12 de agosto, un fenómeno astronómico excepcional que non se produce na Península Ibérica desde hai máis de 120 anos.

A subdelegada do Goberno subliñou a importancia de anticipar a organización deste día, que terá un gran interese científico, turístico e social. “Estamos ante un acontecemento extraordinario que situará Galicia e especialmente á provincia de Lugo como un dos lugares privilexiados para a súa observación, polo que resulta fundamental traballar con antelación para garantir a seguridade e a mellor experiencia posible para a cidadanía”, destacou.

Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), o 56,3 % do territorio galego poderá observar a eclipse total, unha porcentaxe que supera o 98 % na provincia de Lugo, o que converte este territorio nun dos principais puntos de visualización do fenómeno. De feito, case a totalidade dos concellos quedarán dentro da franxa de totalidade.

Ademais, a duración da fase de eclipse total variará segundo o punto de observación e oscilará entre os 9 segundos e o minuto e 49 segundos na zona da Mariña de Lugo, unha das áreas nas que o fenómeno poderá observarse durante máis tempo.

O encontro reuniu representantes dos organismos da Administración Xeral do Estado implicados na preparación do operativo, entre eles a Garda Civil e subsector de Tráfico, a Policía Nacional, Protección Civil, AEMET, Capitanía Marítima, a Demarcación de Estradas, a Xefatura Provincial de Tráfico, a Inspección Provincial de Telecomunicacións e responsables de Adif, co obxectivo de iniciar a planificación do dispositivo que permita garantir a seguridade, a mobilidade e a correcta organización deste día.

Durante a reunión, a subdelegada trasladou aos organismos presentes as instrucións remitidas pola Secretaría de Estado de Seguridade para organizar a identificación e planificación dos puntos de observación do fenómeno. Estas directrices establecen que os concellos deberán identificar posibles lugares nos que se prevea unha gran afluencia de persoas e remitir a información correspondente para a súa validación e coordinación institucional.

Neste sentido, a Subdelegación do Goberno trasladará aos concellos a documentación necesaria para identificar puntos de observación con capacidade para máis de 5.000 persoas, elaborar fichas técnicas dos lugares recomendados e sinalar tamén aquelas zonas que non resulten adecuadas por motivos de seguridade ou accesibilidade. A subdelegada tamén avanzou que se convocarán reunións de coordinación con responsables dos concellos da provincia.

Este traballo forma parte do operativo coordinado polo Goberno de España para preparar o chamado “Trío de Eclipses 2026-2027-2028”, que prevé unha importante mobilidade de visitantes cara aos territorios desde os que se poderá observar o fenómeno.

Neste contexto, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, mantivo nas últimas semanas reunións de traballo cos subdelegados e subdelegada do Goberno e tamén co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, co obxectivo de reforzar a colaboración entre administracións e avanzar na planificación conxunta do operativo.

A cidadanía pode consultar información detallada sobre horarios, parámetros técnicos e recomendacións para unha correcta observación da eclipse na web oficial habilitada polo Instituto Xeográfico Nacional.

0.11883878707886