A Tradescola impartirá unha xornada de música tradicional na Escola Infantil Xela Arias
A Escola Infantil Xela Arias de Sarria acolle unha actividade de promoción e difusión da música e do baile tradicional desenvolvida pola Tradescola, a escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo.
Será mañá, 24 de abril, día no que a Tradescola impartirá unha nova xornada de música tradicional para escolares coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo. Así, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a música e a cultura tradicional dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.
Realizarase un concerto didáctico, que estará impartido polos mestres da Tradescola Lucía Eiros e Xabier Iglesias, no que lles amosarán aos alumnos distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.