A travesía da Cruz do Incio, na estrada autonómica LU-644, está a ser mellorada
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas executa obras de mellora da estrada autonómica LU-644 á altura da travesía da Cruz do Incio, no Concello do Incio.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explica que o orzamento ascende a 38.300 euros financiados con cargo ao contrato de conservación ordinaria e vialidade invernal da Zona Sur da provincia.
O proxecto inclúe o reforzo do firme mediante o estendido dunha capa de formigón bituminoso e a adecuación de cotas á nova disposición das beirarrúas executadas polo Concello.
Tamén se construirán dous pasos peonís sobreelevados a petición da Administración local, coa finalidade de reducir a velocidade de circulación nesta zona urbana.
A actuación completarase co repintado da sinalización horizontal en todo o treito obxecto de mellora, que abrangue 320 metros entre os puntos quilométricos 9+800 e 10+120.
O delegado explicou que, ante as posibles interrupcións do tráfico para executar as obras, se habilitarán carrís alternativos e sinalizaranse desvíos provisionais mentres se opera na zona.
A estrada LU-644 ten 11,2 quilómetros de lonxitude e conecta Rubián, en Bóveda, coa Cruz do Incio. A finalidade da actuación é incrementar a seguridade e as prestacións da vía, concluíu Arias.