A Trienal de Sarria abre novo ciclo cunha mostra que explora os límites da percepción

O espazo A Sede – Núcleo Difusor de Arte Contemporánea de Sarria acollerá a partir do 7 de xuño a exposición 'Vin cousas que vós non creriades', a mostra central do segundo bloque da Trienal Sarria Triennial 2024–2026.
A apertura terá lugar ás 20:00 horas cun acto que incluirá música en directo, a presenza dos artistas participantes e algunha sorpresa máis.
A exposición, comisariada por Juan Luis Toboso, reúne obras dos artistas Lois Cid, Loreto Martínez Troncoso, María Paz Aires e Rubén Santiago, e poderá visitarse ata o 14 de setembro.
A iniciativa está promovida pola Asociación Artístico-Cultural Huhú, co apoio da Deputación de Lugo e o Concello de Sarria.
O título da mostra, inspirado na célebre frase do filme Blade Runner, serve de porta de entrada a un conxunto de obras que transitan entre o perceptible e o imaxinado, o concreto e o vaporoso. Segundo o seu comisario, a proposta indaga nos límites do que se manifesta e o que permanece oculto: “Hai movementos mínimos, xestos case imperceptibles que activan friccións e estados de presenza; lugares onde se respira a terra e a memoria”.
A mostra articúlase arredor de cuestións como a materia, o corpo, o tempo e a paisaxe. Loreto Martínez Troncoso ofrece unha peza sonora onde o ritmo da respiración humana marca o pulso do espazo. María Paz Aires expón esculturas que mesturan lucidez e delirio, inspiradas nas formas orgánicas do ecosistema. Lois Cid experimenta co concepto expandido da fotografía, introducindo o azar e a interacción coas forzas naturais. E Rubén Santiago propón unha instalación na que a vida e a morte dunha raíz emerxen como metáfora dun diálogo entre ruína e renacemento.
O comisario Juan Luis Toboso (La Roda de Albacete, 1980) é un referente da curadoría crítica e transversal no ámbito ibérico. Cunha traxectoria que combina investigación, docencia e programación en centros como o IVAM, o CCCC de Valencia, Culturgest do Porto ou a Fundación Gulbenkian, Toboso aposta por proxectos que interrogan as estruturas de valor e visibilidade na arte contemporánea.
Os catro artistas participantes chegan a Sarria con traxectorias recoñecidas e propostas que conectan con problemáticas tanxibles e sensoriais. A exposición propón ao público “un exercicio de escoita e atención, onde non se trata só de mirar, senón de deixar que o invisible nos atravesase”, sinalan desde a organización.
O segundo bloque da Trienal Sarria continúa así a súa andaina cara a 2026, consolidando este evento como un dos máis singulares do panorama artístico galego. Toda a información actualizada pode consultarse nas redes sociais da Asociación Huhú.