A Trienal de Sarria consolídase cunha mostra que une talento internacional e vangarda artística

A segunda exposición do programa de arte contemporánea Trienal de Sarria vén de ser inaugurada, unha iniciativa da Asociación cultural Huhú coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A mostra, que leva por título 'Eu vin cousas que vós non creriades', pode visitarse en A Sede, o espazo expositivo habilitado pola asociación na rúa Ramón Cabanillas, xa que a exposición permanecerá aberta ao público ata o mes de setembro.
Comisariada por Juan Luis Toboso, a exposición colectiva reúne obras da viguesa Loreto Martínez Troncoso, da portuguesa María Paz Aires, do ourensán Lois Cid e do sarrián Rubén Santiago, establecendo un diálogo entre diferentes disciplinas creativas e promovendo a confluencia artística transfronteiriza.
Efrén Castro destacou a importancia da proposta e a súa capacidade para descentralizar a arte contemporánea, incorporándoa á axenda cultural dunha vila como Sarria, fóra dos circuítos urbanos habituais, e subliñou a aposta decidida por reforzar os vínculos coa creación artística portuguesa. “Compartimos desde o primeiro momento a idea deste proxecto”, afirmou, valorando a iniciativa da asociación como unha achega valiosa á dinamización cultural da comarca.