A Trienal Sarria da Asociación Cultural Huhú foi presentada nun acto público

SarriaXa
A Trienal Sarria da Asociación Cultural Huhú foi presentada nun acto público, no que se falou doutras actividades para 2024
Trienal Sarria
1 May 2023

A Asociación Cultural Huhú presentou o seu novo proxecto, a Trienal Sarria, nun acto acollido polo espazo multidisciplinar O Garaxe, situado na avenida de Becerreá de Sarria, e no que participaron veciños de Sarria, colectivos, axentes culturais e organizacións políticas e sociais.

A asociación Huhú, impulsada polo fotógrafo Toño de López, o artista Rubén Santiago e o creador e editor Xosé Lois Gutiérrez Faílde, busca que non sexa "só un proxecto de exposición de arte contemporánea, senón tamén de mediación cultural". O seu obxectivo, ademais, é mostrar que lonxe das grandes cidades pódense levar a cabo iniciativas como estas.

Así, a liña principal de traballo da asociación Huhú durante este o vindeiro ano é recuperar a bienal de Sarria, aínda que transformada en trienal. Esta será probablemente en outubro de 2024, pero entre cada unha destas exposicións, a asociación organizará outros actos.

Actividades

Ademais da Trienal, queren facer unha "mostra-mosaico" con actividades culturais de asociacións e organizacións da comarca nun espazo "senlleiro", como pode ser o campo da feira, aínda que non está pechado.

Outra das iniciativas que a asociación prevé en 2024 é unha exposición cunha selección de artistas, enfocada á produción de arte contemporánea.

Por último, propoñen organizar a primeira edición dun concurso para novos artistas, xa que desde a asociación xa están en contacto con universidades de Belas Artes.

O colectivo está aberto á participación de calquera veciño ou veciña, polo que conta cunha cota de socio simbólica por valor dun euro anual.

0.17832398414612