A Trienal Sarria Triennial contará coa participación cidadá para crear un retrato colectivo da comarca

SarriaXa
A iniciativa, promovida pola Asociación Cultural Huhú, invita a veciños e veciñas de Sarria a amosar as súas expresións artísticas na exposición central do proxecto
A-Sede-Trienal-Huhu
22 Oct 2025

A Trienal Sarria Triennial, proxecto de Arte Contemporánea que se desenvolve entre os anos 2024 e 2026, impulsada pola Asociación Artístico-Cultural Huhú, lanza unha convocatoria aberta a todas as persoas da comarca de Sarria que crean arte, mesmo a aquelas que non se consideran artistas, co obxectivo de construír un retrato colectivo da creatividade local.

A exposición central do terceiro bloque expositivo da Trienal, baixo o título bis/barra, pretende converterse nun collage plural e ecléctico que reflicta as diversas manifestacións artísticas e culturais da comarca.

As persoas interesadas en participar deben contactar a través do correo electrónico info@trienalsarria.com e explicar en que consiste a súa obra e as propostas poderán presentarse ata o 10 de novembro.

A recollida das pezas realizarase en A SEDE os sábados 25 de outubro e 8 de novembro, de 12:00 a 14:00 horas, aínda que poderán establecerse condicións especiais previa comunicación no mesmo enderezo electrónico.

A exposición central deste terceiro bloque abrirá as súas portas ao público en A SEDE SARRIA - Núcleo Difusor de Arte Contemporánea do 22 de novembro de 2025 ao 14 de febreiro de 2026, en horarios que se anunciarán nas redes sociais da Trienal Sarria Triennial e da Asociación Cultural Huhú.

⚙ Configurar cookies
0.072330951690674