Noelia Pérez recibiu un lote de produtos para asumir a maternidade por parte do Concello de Paradela
O Concello de Paradela vén de entregar un lote de produtos de primeira necesidade á primeira nena que naceu no municipio paradelense neste ano 2024; concretamente á súa nai, Noelia Pérez, unha veciña da parroquia de Castro de Rei, "orgullosa nai dunha nena chamada Naira", explican desde o Concello.
Desde o Goberno local lembran que o pasado mes de decembro o Concello de Paradela aprobou a ordenanza que regula a concesión de axudas por nacemento ou adopción, consistente na entrega dun lote de Produtos valorado en 200 euros e dunha axuda económica directa de 1.000 euros, que se abona en dous prazos; o 75 % cando se solicita e o outro 25 % cando se acredite residencia efectiva dun ano dende o nacemento.
O obxecto desta ordenanza é o fomento da natalidade e da adopción coa finalidade de axudar a fixar poboación dentro do termo municipal do Concello de Paradela.