A veciñanza de Oural denuncia o “pesadelo” das obras de ADIF no barrio da estación

A veciñanza de Oural alzou a voz para denunciar a situación que atravesa o barrio da estación a raíz das obras que está a executar ADIF na contorna ferroviaria. Segundo trasladan, a intervención está a provocar importantes trastornos que, aseguran, van moito máis alá das molestias habituais derivadas duns traballos destas características.
Desde o Partido Popular de Sarria advirten de que a actuación “está a converterse nun pesadelo que dura xa demasiado tempo” e alertan de que, de non buscarse alternativas, podería comprometer gravemente a accesibilidade e a conexión, tanto para vehículos como para peóns, desta zona co resto do núcleo urbano. Sinalan ademais que a problemática non se limita a incomodidades puntuais, senón que afecta á prestación de servizos básicos e á propia seguridade do barrio.
En concreto, residentes das rúas As Covas e Cerdeiriños decidiron organizarse para reclamar solucións. Denuncian os danos ocasionados polos traballos na vía do tren e aseguran que, nalgúns casos, nin sequera poden acceder cos seus vehículos ás súas vivendas. Ante esta situación, recolleron sinaturas entre os afectados e prepararon dous escritos que presentarán tanto no Concello como ante o Valedor do Pobo, co obxectivo de que as administracións interveñan e adopten medidas urxentes.
A voceira popular, Carmen José López, considera que “non é aceptable que o progreso das infraestruturas sirva de escusa para o abandono deste barrio e da veciñanza que vive nel”, cualificando o contexto actual como “verdadeiramente frustrante”. A responsable municipal expresou o apoio do seu grupo aos residentes afectados e comprometeuse a instar ás administracións competentes a buscar solucións que garantan a mobilidade, os servizos e a seguridade na zona.
MOCIÓN NO PLENO MUNICIPAL
O conflito chegará tamén ao debate institucional. O PP levará ao pleno do xoves 26 de febreiro unha moción para denunciar a situación que cualifica de “insostible” tras meses de obras sen finalizar por parte de ADIF. A formación acusa á entidade de provocar o bloqueo de servizos básicos e do acceso ás vivendas, poñendo en risco a seguridade dos residentes.
Os populares trasladarán á corporación municipal unha serie de demandas concretas recollidas directamente entre os afectados. Segundo explican, solicitarán o respaldo do Goberno local e do resto dos grupos ás reivindicacións veciñais, que advirten de que a eliminación dos pasos na forma proxectada podería deixar o barrio sen accesos suficientes, mesmo para vehículos de emerxencia, e dificultar a conexión peonil co resto do núcleo urbano.
Entre os prexuízos sinalados figura a inutilización da fonte pública, actualmente fóra de servizo pola obstrución do seu desaugadoiro, así como a acumulación de cascallos e sedimentos que manteñen colmatadas as cunetas e atascado o rego, co conseguinte risco de inundacións e deterioración da vía. Tamén subliñan a necesidade urxente de habilitar un paso peonil seguro que evite o illamento dos residentes.
A problemática xa fora abordada en sesións plenarias anteriores e mesmo trasladada hai máis dun ano ao Senado polo Partido Popular a través do seu grupo na Cámara Alta. Agora, a formación anuncia que volverá levar as reivindicacións ás distintas instancias co fin de que se adopten solucións técnicas e medidas de seguridade sen máis demoras.