A veciñanza de Sarria xa pode participar dunha campaña de compostaxe doméstica
O Concello de Sarria organiza unha campaña de compostaxe doméstica para promover a reciclaxe dunha forma interesante para o medio ambiente a través duns composteiros e aireadores de uso doméstico.
Concretamente, esta iniciativa ten como finalidade a minoración do depósito de residuos orgánicos de orixe doméstico depositado nos colectores xenéricos, ao tempo que se fomenta obtención de compost orgánico para o seu uso como abono en hortas e xardíns, reducindo dese xeito o uso de fertilizantes químicos.
Desde o Concello din que "os residuos orgánicos representan practicamente o 50 % da nosa bolsa do lixo, polo que se dispoñes dun pequeno terreo, podes aproveitar estes residuos para facer un compost de excelente calidade".
Así, desde o Concello poñen a disposición das persoas interesadas estes composteiros de maneira gratuíta, que poderán adquirir inscribíndose na páxina web do Concello ou chamando ao teléfono 647 521 464 ou ben enviar un correo a residuos@sarria.es