A ver...

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga
5 Feb 2021

Por Pablo Veiga

E pouco máis poderemos dicir unhas horas máis tarde de recibirmos o ano novo, á vista de todo o acontecido no anterior e ante as dificultades para realizar presaxios para os vindeiros doce meses.

A primeira nova que nos vemos na obriga de comentar é esa decisión do Papa arxentino de prorrogar o ano santo, polo que non só haberá un Xubileo previsto para este presente dous mil vinte e un, senón tamén para o próximo vinte e dous. Unha medida que non se tomaba desde a Guerra Civil española e que está a ser ben recibida en todos aqueles lugares por onde discorre o Camiño de Santiago, entre os que cabe destacar os municipios chairegos da variente Norte, a cal fora declarada pola UNESCO Patrimonio da Humanidade hai xa cinco anos. Sendo este percorrido máis ben minoritario á hora de ser escollido para realizar a pertinente peregrinaxe a Compostela, cómpre remarcar a importancia que para certos negocios supón a presenza dos peleríns. Bares, casas de comidas, albergues e algunha que outra iniciativa empresarial enfocada cara o Camiño levan desde marzo en evidentes dificultades económicas, derivando nunha considerable merma dos postos de traballo que se xeraban e incluso, nalgúns casos, no seu peche. Sendo aínda conscientes que esta maldita pandemia aínda non dixo a súa última palabra, temos a imperiosa necesidade de amosar certo optimismo. Malo será que esta maldición dure tres centos sesenta e cinco días máis. Queremos e precisamos pensar iso. E se neste ano santo non se alcanzan os obxectivos previstos, a esperanza centraríase no vinte e dous, que aquí si, debería ser apoteósico en tódolos sentidos.

Pero polo demáis, a sociedade segue nesa permanente expectativa ante o que poda acontecer dunha semana para outra. A experiencia dinos que aquí non se pode cantar vitoria. Temos observado como de súpeto unha situación que semellaba favorable, modificábase radicalmente, tomando as autoridades as medidas drásticas que todos coñecemos. E aquí ninguén se libra; basta que se presuma duns datos excelentes, para que a realidade mude por completo.

Queda entón cruzar os dedos e confiar o noso futuro á vacina que se empezou a distribuír desde finais de decembro. Nela queremos encomedar a derrota defintiva deste maldito coronavirus. Estamos desexando pasar páxina e deixar de escribir sobre o tema que nos ven ocupando desde hai meses, de que os medios de comunicación abran os noticieiros, día si, día tamén, cos últimos datos de contaxiados, hospitalizados e falecidos. E por suposto, queremos ter a vida que tiñamos antes de que este coronavirus fixese acto de presenza.

Polo tanto, toca ter un pouco de paciencia; si, aínda máis da que nos requiren e da que estamos a ter, sermos responsables, individual e colectivamente, e confiar en que máis cedo que tarde todo isto quede nun mal soño. De proxectos de futuro a curto e medio prazo … a ver como vai a cousa. Día a día, semana a semana. Non podemos ir máis aló. É o que hai.

0.17787408828735