A voz feminina protagoniza o I Premio de poesía 'Acouga Casa dos Poetas'
A sarriana, Naila María González Rodríguez viaxará á Riviera Maya ao resultar gañadora do concurso literario organizado polo Hotel Acouga e a Fundación Curros Enríquez de Celanova.
Outros dous accesits foron concedidos á ourensá Róchi Novoa, así como á caramiñá María Rodríguez González.
Un xurado constituído polos patróns da Fundación Curros Enríquez, María Xosé Porteiro, Baldo Ramos, José María Paz Gago e Felipe Ferreiro, que actuou como secretario, fallou na xornada de onte os premios correspondentes ó primeiro concurso de poesía “Acouga – Casa dos Poetas” que patrocina o hotel Acouga de Celanova e coordina a Fundación Curros Enríquez e que ten como premio unha viaxe dunha semana á Riviera Maya.
Despois de analizar as once obras que foron presentadas a esta primeira edición do concurso, o xurado acordou concederlle o primeiro premio á poeta Naila María González, natural de Sarria, polo traballo presentado baixo o título “A anarquía das pálpebras”. Un poemario “de voz transparente e asumible, que atopa os motivos literarios no amor e na vida cotiá, escrita cunha lingua desenfadada, pero tratada con elegancia, e un ritmo traballado que abeira cada poema ao mundo da música pop e á poesía da experiencia”.
Naila María González Rodríguez é unha poeta con moita proxección nas nosas letras, tendo recibido xa, aos seus 21 anos, premios como o Francisco Añón de Poesía, o Certame de relato breve "Entre parágrafos nevados" e, con tan só 12 anos, o Premio “¿Qué es un Rey para ti?”.
Tendo en conta a boa calidade xeral dos traballos presentados, concedéronse tamén sendos accesits a outros dous poemarios, un dos cales será recibido pola poeta ourensá de Xunqueira de Ambía, Rochi Novoa, e o segundo por María Rodríguez, da Pobra do Caramiñal.
O acto de entrega terá lugar o 14 de setembro, data próxima ó aniversario do nacemento de Manuel Curros Enríquez.
Estes accesits, tal como recollen as bases constan dunha estadía no hotel Acouga e un programa de visita e coñecemento do patrimonio cultural e literario de Celanova.