A XIII edición da Feira de Artesanía e Produtos Locais de Triacastela xa ten programación

Triacastela prepara xa a XIII edición da súa Feira de Artesanía e Produtos Locais, que terá lugar o vindeiro sábado 28 de setembro e que este ano terá como pregoeira á conselleira de Medio Rural, María José Gómez Rodríguez.
O encontro está organizado pola Asociación de Artesanas do Tear Artelar, a Asociación de Mulleres Rurais Tres Castros e o Concello de Triacastela, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e Artesanía de Galicia.
A feira abrirá os postos ás 11:00 horas e continuará coa inauguración da exposición “Museo escolar do patrimonio Triacastelá: o teu pasado, o meu presente”, elaborada polo alumnado do CEIP Eduardo Cela Vila e instalada na Fonte do Lunar.
A programación incluirá ao longo do día a visita da foodtruck Galicia Sabe Amar, degustacións gastronómicas das Experiencias de Calidade da Consellería de Medio Rural e diferentes obradoiros e demostracións de Artesanía de Galicia dirixidos a todos os públicos. A animación tamén terá protagonismo coa actuación de contamaxias da Furgoteca.
O pregón da feira correrá a cargo da conselleira de Medio Rural, María José Gómez, que intervirá ás 13:00 horas.
Xa pola tarde, ás 18:00 horas, a Praza da Deputación converterase no escenario de O Festiband, un concerto da Banda de Música da Comarca de Sarria (BMCS) en colaboración coa cantante eurovisiva Lucía Pérez.
Este concerto suporá o colofón á intensa tempada de verán da BMCS, que realizou doce actuacións dende mediados de xuño. A formación, dirixida polo chantadino Marcos Fernández Varela, interpretará un programa variado que incluirá cancións populares como María la Portuguesa, Yo no te pido la luna, Gloria ou Esos altos de Jalisco, xunto con temas propios de Lucía Pérez como Que me quiten lo bailao, Tanto ou Torres de Compostela. O evento estará presentado polo silledense Alberto Lázara Viéitez.
Tras esta clausura, a BMCS xa traballa na tempada de inverno, que se abrirá en novembro co concerto do seu segundo aniversario, coincidindo coa festividade de Santa Icía, patroa dos músicos.