A XIII Feira de Artesanía e Produtos da Terra do Incio foi todo un éxito de participación
Este domingo tivo lugar a a XIII Feira de Artesanía e Produtos da Terra na Cruz do Incio, que congregou a centos de persoas arredor dos postos de artesanía que estaban dispostos na Praza do Concello.
Así, ás once da mañá abriron os expositores da zona e os de Artesanía de Galicia, que se puideron visitar ata as 20.00 horas e a esa mesma hora comezaron tamén os obradoiros de artesanía, que estiveron abertos para todo o mundo que quixera participar.
Os obradoiros, impartidos ambos por María José Martínez e José Antonio Carrera, centráronse no procedemento fotográfico das cianotipias e na técnica tradicional xaponesa de estampaxe shitotaku entre as 11.00 a 14.00 e ás 16.00 e ata as 20.00 horas.
Xa ás 12.00 horas tivo lugar a amenización musical dun grupo de música tradicional e o alcalde do Incio, Héctor Corujo, e o equipo de Goberno visitaron os expositores da XIII Feira de Artesanía e Produtos da Terra, que por vez primeira suma unha decena de postos de Artesanía de Galicia.
Logo, a partir das 17.30 horas actuou a Charanga Ardores para o desfrute de todas as persoas asistentes e ás 20.15 horas houbo unha degustación de isco no guizo.