A xovenca de San Isidro xa ten dono tras un segundo sorteo

O Concello de Sarria xa entregou a xovenca de raza rubia galega sorteada na Feira de San Isidro, celebrada os días 10 e 11 de maio. Inicialmente, o premio quedara sen dono, xa que a persoa que posuía a papeleta gañadora non se presentou a reclamar o animal. Ante esta situación, o goberno local decidiu organizar un novo sorteo nos días posteriores.
Nesta segunda quenda, a sorte recaeu nunha familia residente na parroquia sarriana de San Pedro de Seteventos, que resultou agraciada coa xovenca. Deste xeito, péchase con éxito a entrega do principal reclamo desta tradicional feira agropecuaria.
A rifa da xovenca insírese no marco da celebración de San Isidro, patrón do campo, e busca premiar a participación cidadá nesta cita que reúne a veciñanza e promove o sector primario no concello.