A Xunta analiza coa asociación Meigas e Trasgos a declaración da Noite Meiga como Festa de Interese Turístico

SarriaXa
A reunión serviu para revisar o estado do expediente e abordar posibles vías de colaboración para a edición deste ano
reunión-Xunta-e-Meigas-e-Trasgos-Sarria
19 Feb 2026

representantes da Meigas e Trasgos de Sarria reuníronse co delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, para analizar a evolución do expediente presentado pola entidade co obxectivo de que a Noite Meiga sexa recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia.

No encontro tamén participaron a xefa territorial de Turismo, Paloma Vázquez, e a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, nunha sesión de traballo centrada en avaliar o estado actual da tramitación e os requisitos necesarios para obter esta distinción oficial.

Segundo se abordou na reunión, este recoñecemento está reservado para aquelas celebracións que acrediten unha traxectoria consolidada no tempo, singularidade, arraigamento social, valor cultural e capacidade de atraer visitantes, ademais doutros criterios establecidos pola administración autonómica.

Durante a xuntanza púxose de relevo a importancia que a Noite Meiga ten para Sarria, tanto desde o punto de vista cultural como económico. A asociación organizadora destacou que, tras máis de cinco décadas de historia, a cita converteuse nun dos eventos estivais máis identificativos da provincia, cunha fonda implantación entre a veciñanza e cunha asistencia de público que medra ano tras ano.

A reunión serviu igualmente para estudar fórmulas de colaboración da Xunta de cara á próxima edición, prevista para a última fin de semana de agosto, co propósito de reforzar a proxección e consolidación dunha festa que aspira a contar co selo oficial de interese turístico galego.

⚙ Configurar cookies
0.072728157043457