A Xunta apoia 47 iniciativas empresariais lideradas por mulleres na provincia de Lugo
A Xunta apoia 47 iniciativas empresariais lideradas por mulleres na provincia de Lugo a través das axudas do programa EMEGA de emprendemento feminino por un valor de 614.000 euros.
O delegado territorial do Goberno galego en Lugo, Javier Arias, explica que estes incentivos permiten crear ou consolidar 96 empregos femininos en 21 concellos lucenses e corresponden á convocatoria deste ano, cuxa resolución foi publicada no DOG.
A Consellería de Política Social e Igualdade concede estas axudas para fomentar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
En canto á distribución por comarcas, na Mariña apóianse 16 iniciativas, cinco en Xove, catro en Ribadeo, dúas en Foz, outras tantas en Cervo, igual número en Burela e unha en Barreiros. Na Zona Sur hai 10 beneficiarias: sete en Monforte de Lemos, dúas no Saviñao e unha en Taboada.
Polo que respecta á comarca de Lugo, hai seis na capital lucense; unha en Guntín e outra en Outeiro de Rei. Na Terra Chá e Meira aprobáronse tres axudas en Vilalba e dúas en Guitiriz, mentres que Pol, A Pastoriza, Castro de Rei e Begonte contan con unha cada un. Tamén se impulsan dous negocios de mulleres en Sarria, un en Paradela e outro en Baleira.