A Xunta apoia o festival Terra Brava, que celebrará a súa 22ª edición o 16 de agosto no Incio

A Xunta de Galicia apoia a celebración da vixésimo segunda edición do festival Terra Brava, que terá lugar o vindeiro 16 de agosto no concello do Incio.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na presentación do cartel acompañado polo alcalde da localidade, Héctor Corujo, e polo presidente da asociación organizadora, Terra Brava, Luis Valcárcel.
O evento mantén o seu compromiso coa cultura de proximidade e combina formacións consolidadas con novas propostas musicais. Nesta ocasión, o cartel inclúe as actuacións dos grupos galegos Lamatumbá, Sacha na horta, Mekanica Rolling Band e DJ Um Sincero, así como dos portugueses Kumpania Algazarra. Os concertos comezarán a partir das 19.30 horas.
Antes das actuacións principais, haberá unha sesión vermú amenizada polo grupo Xermolos e unha comida popular, ademais da intervención da Escola de Música do Incio. Xa pola tarde, está previsto un espectáculo infantil a cargo de Brais das Hortas.
O festival desenvolverase na carballeira situada xunto ao campo de fútbol. Para colaborar coa organización, puxéronse á venda camisetas en varios comercios do Incio, mentres que os tíckets para o xantar están dispoñibles na ferretería da vila.