A Deputación de Lugo e a Xunta apoian o IX Torneo Memorial Pedro Canoa de Sarria
O IX Torneo Memorial Pedro Canoa de Sarria, que reunirá esta fin de semana a uns 900 xogadores de entre 5 e 13 anos no estadio da Ribela, ten o apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.
O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou na presentación da cita xunto co deputado Efrén Castro, o presidente da SD Sarriana, Manuel Sangil; o coordinador do campionato, José López; José Manuel López Préstamo, pai de Pedro Canoa; e Félix Seijas, concelleiro de Deportes de Sarria.
O torneo disputarase durante tres días e congregará a 72 equipos de 24 clubs procedentes das catro provincias galegas, así como de Asturias e Castela e León.
Os partidos comezarán o venres 7 de xuño pola tarde coa categoría prebenxamín; mentres que o sábado xogarán benxamín e alevín e o domingo será a quenda da categoría infantil.
Arias felicitou á SD Sarriana pola traxectoria deste encontro que cada ano esperta máis interese entre os clubs de fútbol e subliñou a importancia do deporte e dos hábitos de vida saudables “como un valor que lles hai que transmitir aos máis pequenos”.
Pola súa parte, Efrén Castro valorou a relevancia do torneo "que serve de proxección para o traballo que a Sarriana realiza ao longo de toda a temporada coa base, e que transcende o ámbito deportivo, cunha gran repercusión social por todas as persoas que reúne ao redor do deporte e da lembranza de Pedro Canoa".
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a organización do torneo cunha achega de 3.000 euros, que reforza a colaboración que mantén coa SD Sarriana para o funcionamento e a actividade competitiva ao longo da temporada.