A Xunta colabora na XIV Feira de artesanía e produtos da terra do Incio

SarriaXa
Participarán postos de Artesanía de Galicia e expositores da zona que venderán produtos típicos, relacionados coa xoiería, bixutería, coiro, complementos de moda...
Feira-Artesanía-O-Incio
19 Ago 2024

A Xunta colabora na XIV Feira de artesanía e produtos da terra do Incio, que se celebra o próximo xoves 22 de agosto.

A través da Fundación Artesanía de Galicia, apóianse dous obradoiros gratuítos para todos os públicos e sen inscrición previa especializados en pintura sobre tecido e gyotaku e impartidos polos artesáns María José Martínez e José Carrera do obradoiro Peixesapop, así como por Leonor do obradoiro Como pez en el agua.

Así mesmo, participarán postos de Artesanía de Galicia e expositores da zona que venderán produtos típicos, relacionados coa xoiería, bixutería, coiro, complementos de moda, cestería, cerería, forxa e xoguetes.

En concreto, exporán as súas creacións Miudiño (Vigo), Riomao estudio (A Teixeira), Rocigarcía (Betanzos), María Jul (Cervo), Péndulo Complementos (Burela), Luciérnaga coiro (Barbadás), María Carmen Otero Folgueira (A Pastoriza) e J. Eiroa Forxa (Culleredo).

Esta feira é unha iniciativa do Concello do Incio para promover o turismo e a cultura na zona, así como para dar a coñecer o traballo dos artesáns galegos.

Ao longo de todo o xoves 22 haberá postos de artesanía na Praza de España e nos arredores do Concello, coa participación da Fundación Artesanía de Galicia. Xunto a estes expositores estarán os postos de empresas de alimentación da zona que venderán produtos típicos, como mel ou queixo.

O programa inclúe pasarrúas e actuacións musicais e rematará con degustación de iscos e cunha foliada aberta.

0.18177700042725