A Xunta concede a autorización ambiental integrada para a planta de Oural

A Xunta de Galicia outorgou a autorización ambiental integrada (AAI) a Votorantim Cimentos, compañía propietaria de Cementos Cosmos, para desenvolver en Oural unha nova planta destinada á produción de combustibles sólidos recuperados (CSR) a partir de residuos urbanos e industriais que non poden ser reciclados.
Con esta resolución, quedan completados os trámites ambientais necesarios para impulsar o proxecto, que deberá obter a partir de agora o resto de permisos, informes e autorizacións requiridos pola normativa vixente.
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático conclúe así o proceso de avaliación ambiental ao que foi sometida a iniciativa, no que se tramitaron de maneira simultánea tanto a AAI como a declaración de impacto ambiental (DIA).
O pasado mes de agosto xa emitira unha DIA favorable, aínda que supeditada ao cumprimento das condicións recollidas no estudo de impacto ambiental e na documentación achegada, así como ás esixencias técnicas e ao programa de seguimento ambiental establecidos na propia DIA.