A Xunta destina máis de 27.000 euros a mellorar a competitividade de seis comercios da comarca de Sarria

SarriaXa
As axudas apoiaron actuacións de dixitalización, innovación e sustentabilidade en establecementos de Sarria e Paradela
comercios-Sarria-PP
22 Jan 2026

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou o pasado ano un total de 27.100 euros a apoiar actuacións dirixidas a mellorar a competitividade de seis comercios da comarca sarriá, cinco deles situados no municipio de Sarria e un en Paradela. As achegas permitiron impulsar iniciativas vencelladas á modernización dos negocios locais, cunha atención especial á dixitalización, á innovación e á sustentabilidade ambiental.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a tenda de calzado Cris Abad, un dos establecementos que se acolleron en 2025 a estas axudas, pensadas para respaldar proxectos promovidos por comercios de proximidade e carácter artesanal. Durante a visita, Arias explicou que xa está aberta unha nova convocatoria deste programa, que contará cun orzamento próximo aos 4 millóns de euros.

Entre as empresas beneficiarias da comarca figuran negocios de moda e complementos, unha xoiaría e un comercio de alimentación, todos eles integrados nun programa que contempla tres liñas de actuación compatibles entre si. Unha céntrase na dixitalización e na innovación comercial, outra está orientada á modernización das instalacións e unha terceira promove a sustentabilidade ambiental, especialmente no uso de embalaxes.

A nova edición das axudas incorpora como principais novidades a simplificación dos trámites administrativos e a axilización tanto do procedemento de concesión como dos pagamentos anticipados. Ademais, amplíase o período subvencionable para incluír todas as actuacións realizadas desde o remate do prazo fixado na orde anterior, o 25 de outubro de 2025.

Javier Arias subliñou que esta iniciativa se integra no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, un documento que recolle 74 accións específicas destinadas a reforzar un sector considerado clave para a economía da Comunidade Autónoma.

⚙ Configurar cookies
0.071719169616699