A Xunta destina máis de dous millóns de euros aos 24 grupos de desenvolvemento rural

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu en Santiago de Compostela a Mesa de coordinación dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia.
23 Dec 2023

A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu en Santiago de Compostela a Mesa de coordinación dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia. Nesta xuntanza, abordouse a terceira addenda aos convenios de colaboración entre a Axencia, dependente da Consellería do Medio Rural, e os 24 GDR de Galicia, que permitirá destinar máis de 2 millóns de euros a estas entidades territoriais, para que poidan atender a xestión do programa Leader para o ano 2024.

Neste sentido, a Axencia e os grupos colaboran para xestionar as axudas de dito programa, que benefician aos diversos promotores de proxectos que se financian cos fondos asignados ás estratexias de desenvolvemento local. Ademais, os GDR tamén son beneficiarios de axudas para atender os seus gastos de funcionamento máis os gastos vinculados a proxectos de formación, animación e promoción territorial que promoven os propios grupos de desenvolvemento rural.

No encontro abordouse tamén a recente aprobación das estratexias de desenvolvemento local para o período do Plan Estratéxico (PEPAC) e a constitución dos 24 GDR como entidades colaboradoras na medida Leader. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural puxo a disposición dos GDR un orzamento de 840.000 euros para a elaboración de estratexias, o que supuxo un importe de 35.000 euros por grupo ou estratexia, tres veces máis que no período Leader anterior.

Valorar as estratexias elaboradas polos GDR é fundamental para repartir os fondos asignados na medida Leader no PEPAC. En total, supón a distribución de preto de 57 millóns de euros entre os 24 GDR. Estes fondos serán aplicados a partir do ano próximo co horizonte do ano 2027 e acadar os obxectivos marcados nas estratexias de desenvolvemento local participativo.

A estratexias presentadas -que inclúen todo tipo de análises socioeconómicos e territorial dos GDR- tiveron en conta as medidas levadas a cabo pola Goberno autonómico, como son a Lei de recuperación da terra agraria, as diferentes estratexias sectoriais -dos sectores lácteo, cárnico e vitivinícola- ou o Plan Forestal de Galicia.

Ademais, no proceso participativo, os 24 GDR seleccionados lograron levar a cabo 874 accións nas que reuniron a 2.787 participantes, dos cales 690 pertencían ao sector público, 854 do económico e 1.243 de entidades sociais. Cabe sinalar que estes grupos de desenvolvemento rural destacaron a importancia dos instrumentos regulados na Lei de recuperación para atallar cuestións como a remuda xeracional ou a necesidade de base territorial por parte das explotacións.

Proxectos piloto

Cómpre destacar tamén os 40 proxectos piloto postos en marcha que están relacionados coa recuperación da terra agraria, con novos cultivos, coa creación de centros de transformación de produtos agroalimentarios e coa súa comercialización, co turismo, coa posta en marcha de comunidades enerxéticas ou co emprendemento no rural, entre outras. Cabe resaltar tamén a proposición de 170 actividades formativas ou de 141 actividades ou proxectos de cooperación.

Por último, na mesa de coordinación recolleuse a creación dun grupo de traballo entre persoal da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e os GDR para elaborar as bases reguladoras para a xestión das axudas deste novo período.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14680409431458