A Xunta destinou máis de 134.000 euros para o programa Sarria Concilia
A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia publicou neste mes de agosto a resolución para a concesión dunha axuda de 134.996,40 euros para o programa “Sarria Concilia” que se leva a cabo no Concello de Sarria.
O servizo de conciliación municipal se beneficiará así da colaboración da Xunta de Galicia grazas ao “Programa do Plan Corresponsables no ámbito local” (SI436A), que ten por obxecto regular a concesión de subvencións destinadas a desenvolver e financiar o desenvolvemento do Plan Corresponsable, consistente en actuacións dirixidas a facilitar a corresponsabilidade nas familias con fillas e fillos ata os 16 anos incluídos.
Sarria Concilia está a desenvolver diversas actividades, como o campamento de verán para nenos e nenas do municipio, co fin de que as familias teñan opcións de conciliación familiar debido aos seus traballos, así como fomentar o desenvolvemento dos nenos e nenas no contexto sarriao e xunto cos seus compañeiros da vila.