A Xunta do Goberno local de Sarria acorda pedir un crédito de máis de 600.000 euros

SarriaXa
Dende o Grupo Municipal do Partido Popular solicitaron o acceso ao expediente aprobado en Xunta de Goberno para estudar a súa legalidade
Concello-de-Sarria
22 Xul 2024

A Xunta do Goberno local de Sarria vén de acordar iniciar o expediente para pedir unha operación de crédito a longo prazo por un valor de 615.000 euros, que estaba ademais contemplada nos orzamentos deste ano 2024.

Esta cantidade de diñeiro estará destinada a financiar investimentos, como as obras de abastecemento da auga; para as que se suponen 157.000 euros para a traída da auga de Treilán e Betote; mentres que outros 57.300 euros serán para o abastecemento de Rañoa, Santa María de Vilar, Crecente e Vilapedre; así como 47.100 euros serán para a traída de Calvario, Vilaesteva, Fondo de Vilaesteca, Fondo de Vila, San Salvador, A Pena, Penelas, Mezur e Rosende.

Ademais do diñeiro específico para mellorar a traída, outra parte do investimento será para mellorar camiños e vías municipais cun presuposto de 75.000 euros; e tamén estará destinado o crédito ás cámaras de videovixilancia de tráfico con 44.600 euros e a dotar cociñas aos pisos en alugueiro social na Casa dos Ulloa.

Por outra banda, haberá tamén unha partida destinada á mellora de parques infantís con 18.000 euros, outra a rehabilitar escolas rurais, contando con 20.000 euros, e para facer reformas na casa da cultura da vila, cun orzamento de 7.100 euros.

Pola súa parte, o Grupo Municipal Popular critica esta acción por parte do Goberno loca, asegurando que “a Garrido non lle preocupa hipotecar o futuro de Sarria, derrocha sen límites no contrato da luz en beneficio de empresas de fóra mentres afoga as contas do municipio. Dende o Grupo Municipal do Partido Popular xa solicitamos o acceso ao expediente aprobado en Xunta de Goberno para estudar a súa legalidade”, explican.

0.18089389801025