A Xunta e o Concello de Sarria reforzan a súa colaboración para garantir o futuro do matadoiro municipal

O servizo do matadoiro municipal de Sarria continúa a ser unha prioridade tanto para a Xunta de Galicia como para o propio Concello, que avanzan na súa colaboración co obxectivo de garantir a continuidade destas instalacións fundamentais para a comarca.
Así se puxo de manifesto nunha reunión celebrada na sede da Delegación da Xunta en Lugo, onde a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo un encontro co alcalde de Sarria, Claudio Garrido. Na xuntanza tamén participaron a portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Carmen José López, e a directora territorial da Consellería na provincia, Olga Iglesias.
Durante o encontro, a Consellería expresou o seu compromiso coa defensa do interese público deste servizo, subliñando a relevancia do sector agrogandeiro e da industria cárnica na zona.
Gómez reiterou a vontade do Goberno galego de colaborar para manter operativo o matadoiro, tendo en conta que a comarca acolle numerosas granxas de porcino, centros de despece e pequenos obradoiros cárnicos, que fan deste servizo unha peza clave para o desenvolvemento económico local.