A Xunta emite unha DIA favorable ao proxecto de Votorantim Cementos para producir combustibles sólidos en Sarria

SarriaXa
A DIA favorable está condicionada ao cumprimento de estritas medidas de protección e control, mentres se tramita a autorización ambiental integrada
cementeira-Oural-Sarria
8 Aug 2025

A Xunta emitiu declaración de impacto ambiental (DIA) favorable ao proxecto presentado por Votorantim Cementos España para construír unha nova nave de produción de combustibles sólidos recuperados (CSR) a partir de residuos industriais e urbanos non reciclables no Concello de Sarria.

Esta aprobación, publicada no Diario Oficial de Galicia, está condicionada ao cumprimento das exixencias recollidas nos informes sectoriais e na propia DIA, co obxectivo de minimizar e compensar o impacto na contorna. Paralelamente, está en tramitación a autorización ambiental integrada (AAI), necesaria para completar o procedemento.

A nave, que se construirá no lugar da Oural, ocupará unha parcela de 5.820 metros cadrados dentro do terreo da planta de produción de cemento da compañía, que ten unha superficie total de 215.282 metros cadrados. As instalacións dividiranse en tres áreas principais: unha zona de recepción e almacenamento do material entrante, con cinta transportadora cara ao seguinte espazo; unha área de triturado primario con separadores para recuperar materiais reciclables e clasificar o material segundo a súa densidade; e unha terceira zona destinada ao almacenamento do CSR para a súa expedición.

Unha vez a pleno rendemento, a planta tratará máis de 160.000 toneladas anuais de residuos industriais e urbanos non reciclables, producindo 85.000 toneladas ao ano de CSR de distintas calidades para o seu uso no queimador principal ou no calcinador da fábrica de cemento.

A DIA é resultado dunha tramitación exhaustiva e da consulta a dez administracións e organismos implicados, incorporando pautas para garantir a viabilidade ambiental do proxecto. As condicións establecidas inclúen medidas de protección da atmosfera, poboación e saúde, augas e leitos fluviais, solo e infraestruturas, xestión de residuos, patrimonio natural, integración paisaxística, restauración, eficiencia enerxética e prevención de accidentes graves ou catástrofes.

Esta aprobación ambiental non exime ao promotor de obter as licenzas, permisos e informes necesarios para executar e desenvolver a iniciativa, que seguirá baixo vixilancia para asegurar o cumprimento de todas as condicións impostas.

⚙ Configurar cookies
0.32637882232666