A Xunta entrega en Sarria os diplomas do obradoiro dual Camiño de Santiago V

A Xunta de Galicia entregou os diplomas ás persoas participantes no obradoiro dual de emprego Camiño de Santiago V de Sarria, unha iniciativa financiada pola Administración autonómica con 412.000 euros e promovida polo Concello.
As alumnas e alumnos traballadores recibiron formación teórica e práctica en dúas especialidades, albanelería e carpintería, contando durante todo o proceso cun contrato laboral.
No acto de clausura, a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, destacou os avances acadados polos participantes, especialmente na posta en valor do campo da feira. Alí rehabilitaron dous pendellos e executaron as canalizacións necesarias para renovar as instalacións de electricidade, alumeado público e telefonía, continuando así cos traballos realizados en edicións anteriores.
Tamén levaron a cabo a colocación de portas, xanelas e revestimentos de madeira na oficina de turismo, así como melloras estéticas no Camiño mediante a ocultación de contedores.
Segundo subliñou López, “o resultado destes traballos pon de manifesto o nivel da formación que se imparte nos talleres de emprego financiados pola Xunta”.
Ademais, animou aos participantes a aproveitar os coñecementos adquiridos para incorporarse ao mercado laboral e mesmo explorar a posibilidade de emprender en sectores con alta demanda de profesionais.