A Xunta está preparando seis polígonos agroforestais en Galicia, tres deles no sur de Lugo
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, avanzou na Comisión 7ª do Parlamento que a Xunta está preparando seis polígonos agroforestais máis en Galicia, que se sumarán aos 26 xa iniciados e que abranguen máis de 9.100 hectáreas e benefician máis de 8.000 titulares.
Este feito, ademais, suporá a mobilización doutras 303 hectáreas, beneficiando un total de 457 propietarios, segundo explicou Santé.
Estes seis novos polígonos serían os de Sabadelle (Chantada), Loio (Paradela) e Xesto (O Saviñao), na provincia de Lugo; Carballedo (A Peroxa) e San Xoán de Río, na de Ourense; e Salvaterra de Miño, na de Pontevedra.
Nesta liña, a directora xeral puxo en valor os grandes esforzos que está a dedicar a Consellería do Medio Rural para o desenvolvemento dos polígonos agroforestais, que son un instrumento de referencia da Lei de recuperación da terra agraria para unha mobilización dunha maior superficie de terreo.
O seu obxectivo é recuperar e poñer en produción terra que se atope en estado de abandono ou infrautilización, co fin de constituír áreas de explotación que garantan a súa rendibilidade, tal e como detallou Inés Santé.