A Xunta investirá máis de 500.000 euros na mellora do campo de fútbol da Ribela en Sarria

SarriaXa
O convenio co Concello permitirá renovar o céspede, a iluminación e o equipamento para adaptarse ás esixencias da Segunda RFEF
Concello-de-Sarria-e-Xunta
12 Aug 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha reunión co alcalde de Sarria, Claudio Garrido, para confirmar o compromiso do Goberno galego de acometer melloras no Estadio Municipal da Ribela, co obxectivo de cumprir cos estándares que esixe a Segunda RFEF tras o ascenso da SD Sarriana.

Na xuntanza, á que tamén asistiron os concelleiros Félix Seijas e Carmen José López, acordouse a sinatura dun convenio polo que a Xunta achegará máis de 500.000 euros, o que supón o 70% dun investimento total superior aos 700.000 euros entre proxecto e execución das obras.

As actuacións previstas inclúen a substitución do céspede artificial, a renovación do sistema de iluminación e a mellora do equipamento do estadio, garantindo así a modernización das instalacións e a súa adecuación ás necesidades actuais de seguridade e funcionalidade.

Esta iniciativa enmárcase na liña de apoio da Xunta ás administracións locais, en especial ás infraestruturas deportivas de carácter municipal. O Goberno autonómico dispón de diferentes programas de axudas destinados a mellorar este tipo de instalacións, ás que se lles concede prioridade nos criterios de valoración, co fin de ofrecer espazos de calidade tanto para deportistas como para afeccionados e promover a práctica deportiva en Galicia.

Neste mesmo sentido, ao longo de 2024 a Xunta impulsou máis de 400 actuacións en instalacións deportivas, tanto de titularidade autonómica como municipal, cun investimento conxunto de 22 millóns de euros a través da Secretaría Xeral para o Deporte e doutras liñas de apoio específicas para concellos.

⚙ Configurar cookies
0.14005899429321