A Xunta inviste 22.400 euros na mellora de accesos en Teibilide, Samos

A Consellería do Medio Rural destinou 22.400 euros á rehabilitación de accesos en Teibilide, no Concello de Samos, dentro da orde de axudas para o acondicionamento de camiños municipais en zonas de concentración parcelaria.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a zona para comprobar o resultado dos traballos, que consistiron na reparación dunha vía de aproximadamente un quilómetro de lonxitude.
As actuacións centráronse na mellora do pavimento, coa adecuación da base e a posterior aplicación dunha nova capa de rodaxe mediante un triplo rego asfáltico.
Estas axudas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), teñen como obxectivo mellorar as vías de acceso rurais en zonas de concentración ou reestruturación parcelaria xa finalizadas.
O Goberno galego lanzou por primeira vez esta convocatoria para fomentar a cohesión social e territorial nos núcleos rurais.
Ademais, o bo estado dos accesos nestas áreas contribúe á competitividade agraria e forestal, segundo destacou Arias durante a súa visita.