A Xunta mellora a estrada LU-622 entre Sarria e Láncara cun investimento de case 900.000 euros

A Xunta de Galicia destina 895.500 euros á mellora da estrada autonómica LU-622, que conecta os municipios de Sarria e Láncara, co obxectivo de reforzar o firme e incrementar a seguridade viaria nun tramo de oito quilómetros de lonxitude.
As obras consisten na extensión dunha nova capa de rodadura con mestura asfáltica en quente, na construción de cunetas para mellorar a drenaxe lonxitudinal e no repintado da sinalización horizontal. Estas actuacións permitirán que a vía gañe en funcionalidade e durabilidade, ademais de ofrecer un maior confort e seguridade aos condutores.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a zona para comprobar o avance dos traballos e destacou tamén que se están incorporando cunetas remontables, deseñadas cunha pendente suave que facilita o paso dos vehículos en situacións de emerxencia. A estrada LU-622 presta servizo a numerosos núcleos de poboación desde o seu inicio en Corvelle (Sarria) ata a súa conexión coa LU-621 no municipio de Láncara, na contorna de A Pobra de San Xiao.
Arias lembrou que esta intervención forma parte dun contrato adxudicado o pasado mes de xuño, cun orzamento total de 2,3 millóns de euros, que inclúe tamén melloras noutras vías da provincia como a LU-533 no Saviñao, e as estradas LU-536 e LU-636 no municipio de Sarria. As obras, iniciadas a finais de setembro, concluirán nas próximas semanas.